As pradeiras mariñas e as marismas como sumidoiros naturais de CO2: un recurso potencialmente rendible
Mateo, MA. Experto en Blue Carbon. Científico titular no Centro de Estudos Avanzados de Blanes (CEAB-CSIC) e responsable do grupo de Ecoloxía de Macrófitos Acuáticos (GAME)
O quecemento acelerado que está a sufrir o planeta é consecuencia demostrada do aumento de dióxido de carbono na atmosfera. Os efectos deste quecemento comezan a ser evidentes na forma dun aumento dos eventos climáticos extremos e da aridificación, entre outros fenómenos. A sociedade pode combater estes efectos de dúas maneiras: reducindo as emisións de CO2 e aumentando a capacidade de secuestro do mesmo. A última estratexia pode articularse mediante o almacenamento xeolóxico ou mediante a potenciación de sumidoiros biosféricos naturais.
A fixación do CO2 é un proceso reservado aos produtores primarios do noso planeta que, mediante a fotosíntese, transforman o CO2 atmosférico en materia orgánica rica en carbono. Algúns destes produtores primarios presentan formas de acumulación de carbono masivas e moi estables no tempo, o que os converte en sumidoiros de carbono efectivos e por tanto en aliados contra o quentamento global. Tal é o caso dos bosques terrestres, dos solos, ou da vexetación costeira. A este último grupo pertencen as marismas, os bosques de manglares e as pradeiras de fanerógamas mariñas. No seu conxunto, coñécense como Carbono Azul.
Hai pouco máis dunha década instaurouse o réxime de comercio de dereitos de emisión da UE (RCDE UE) para promover a redución de emisións de gases de efecto invernadoiro dun xeito rendible e economicamente eficiente. Este mercado de carbono permite comerciar con créditos de carbono (dereitos de emisión) de tal maneira que os países que emiten máis CO2 do que teñen asignado polas convencións internacionais poden mercar dereitos aos que emiten menos. Para simplificar, un crédito de carbono equivale a unha tonelada de CO2. A tonelada de CO2 ten unha cotización que oscila segundo as leis da oferta e a demanda.
Neste esquema de comercio, un crédito de carbono pode obterse mediante accións que eviten a emisión ou que consigan o almacenamento dunha tonelada de carbono. A eficacia destas accións debe ser debidamente certificada mediante protocolos e estándares establecidos polas convencións internacionais. As grandes masas forestais e a vexetación costeira fixan e almacenan importantes cantidades de CO2, o que as converte en obxecto susceptible de comercio. Así, todo proxecto de reforestación ou arborización implicará a retirada dun número determinado de toneladas de CO2 da atmosfera coas que se pode comerciar no mercado de carbono. Así mesmo, toda acción que demostre a desaceleración do deterioro de ecosistemas sumidoiros de carbono poderá acreditar unha cantidade de toneladas de carbono que deixaron de emitirse e que tamén será comercializable.
O Grupo de Ecoloxía de Macrófitos Acuáticos (GAME) está a traballar actualmente nun proxecto europeo do programa LIFE cuxo obxectivo é precisamente sentar as bases para a inclusión da vexetación costeira nos inventarios oficiais para o seu comercio nos mercados regulares de carbono. O Parlamento de Andalucía está a elaborar unha Lei de Cambio Climático na que inclúe, a saber, por primeira vez en Europa, a
vexetación costeira como sumidoiros de carbono susceptibles de ser empregados para a compensación de emisións de gases de efecto invernadoiro. O proxecto abarca todos os ámbitos da cuestión: desde a posta a punto de metodoloxías de mostraxe e de laboratorio, ata a elaboración de proxectos de compensación.
Preténdese que este proxecto sente as bases para que administracións e pequenas e medianas empresas se plantexen a observación da vexetación costeira desde unha perspectiva dobremente gañadora: conservar un patrimonio natural de gran valor (moi máis alá do servizo ‘almacenamento de CO2’), ao tempo que se contribúe ao desenvolvemento da economía local.
GAME ofrece as súas experiencias e capacidades para:
– Realizar estudos de cuantificación de stocks e fluxos de carbono sumidoiros de
carbono tanto terrestres como mariños.
– Capacitar a técnicos de administracións e PyMES na toma de mostras de campo,
procesado en laboratorio e realización de cálculos de stocks e fluxos de carbono en
sumidoiros tanto terrestres como mariños.
– Asesorar na elaboración e seguimento de proxectos de compensación.
– Asesorar en estratexias de compensación de emisións de gases de efecto
invernadoiro.
https://game-csic.comproyectos/life-blue-natura/
http://life-bluenatura.eu/es/inicio/





